Wednesday 15 de May de 2024

O deputado Xurxo Couto defende o papel da Deputación á hora de apoiar a cultura en todo o territorio


O deputado Xurxo Couto defende o papel da Deputación á hora de apoiar a cultura en todo o territorio
O deputado de Cultura, Xurxo Couto, participou en representación da Deputación da Coruña, na inauguración da mostra “A Xeración do 27: Alberti e Lorca” no Museo do Gravado de Ribeira e defendeu na súa intervención a vixencia da idea que os artistas defendían de levar a cultura a todo o territorio.

Neste sentido, destacou que o lema “A cultura é un dereito” da institución promove, a partir dun completo mapa de liñas de axuda en concorrencia competitiva, apoiar todos os axentes e iniciativas do ámbito da cultura que operan en todos os concellos da Coruña, asociacións, fundacións e outras entidades.

Xurxo Souto destacou na Fundación Museo das Artes do Gravado, a “conexión galega” de Lorca e Alberti, de maneira especial, na figura da artista Maruxa Mallo con quen mantiveron relación na súa mocidade.
“Cúmprense xa máis de cen anos daquela viaxe iniciática de Lorca a Galiza que nos achegou un dos grandes poetas do século XX que, por vontade propia, escribiría na nosa lingua aqueles Seis poemas galegos editados por Anxel Casal en Santiago de Compostela en 1935 que se ían converter no libro máis difundido, máis reeditado e traducido, escrito en galego”, dixo, referíndose tamén á represión que sufriron os artistas naquel tempo entre os que se atopaban o propio Lorca, asasinado, Rafael Dieste, exiliado como Maruxa Mallo e Ánxel Casal, paseado despois do golpe militar.

“Lorca, Alberti e Maruxa Mallo, xunto con outro grande conxunto de nomes da intelectualidade do seu tempo, idearon un día ese grande proxecto educativo que foron as Misións Pedagóxicas, que tiñan como obxectivo levar a cultura e o ensino a través de todo o territorio, a todas as persoas. Ese mesmo obxectivo é o que perseguimos desde a área de Cultura da Deputación da Coruña que acollemos como lema unha frase que nos gusta repetir: “A cultura é un dereito”, apuntou Xurxo Couto no seu discurso en que se referiu ás liñas polas que a Deputación da Coruña apoia o desenvolvemento de festivais organizados por concellos e entidades, a promoción de actividade e os investimentos de entidades que traballan pola cultura, fundacións, asociacións, escolas de música e arte ou agrupacións de cultura tradicionais.

En canto á fundación Museo do Gravado á Estampa Dixital, o deputado de Cultura sinalou que se trata “dun espazo extraordinario que demostra que a arte contemporánea non ten que transitar só polos circuítos das cidades senón que, noutros lugares, noutros ámbitos, tamén hai iniciativas e proxectos como este centro que desenvolven un labor de especial relevancia á hora de promocións e ampliar o público para as artes plásticas”.